Creo que para entender a enfermidade e en parte algunhas das súas causas debería facer unha introdución sobre o órgano afectado, o fígado. A función do fígado regula a maior parte dos niveis químicos do sangue, xa que toda a sangue que sae do estómago e do intestino pasa polo fígado, quen a filtra. Ademais produce un líquido denominado bile, que axuda na descomposición das graxas durante a dixestión, facilitando a absorción.
A etioloxía, é dicir, as causas da enfermidade son varias, entre as que atopamos os virus (5 virus distintos, nomeados da A á E polo abecedario), o abuso de alcohol e de fármacos. Os 5 virus que causan 5 dos tipos de hepatite, son distintos entre eles en canto a xenoma, transmisión, cronicidade e malignidade e incluso tratamento, pero todo isto será presentado na seguinte entrada.
Para falar en xeral sobre esta enfermidade, vamos tratar as manifestacións que presentan, posto que estas non presentan especificamente diferencias atribuíbles aos distintos tipos de virus, e que son a exposición dun complexo proceso dirixido a eliminar o virus do noso organismo. Principalmente, todas cursan con maior ou menor grado de insuficiencia hepática, e teñen 4 períodos de desenvolvemento:
1. Incubación: este é o período que se atopa entre a exposición ao virus e a aparición da primeira sintomatoloxía.
2. Prodrómico: etapa comprendida entre os primeiros síntomas ata a aparición da ictericia, e durante esta aparecen astenia (cansancio), anorexia (entendida como falta de apetito), náuseas e vómitos, cefalea (dor de cabeza) e artromialxias (dolor articular e muscular inespecífico). Pode aparecer coluria (ouriño oscuro) e acolia (feces brancas) os días previos á aparición da ictericia, debido á presenza da bile.
3. Clínico: neste período aparece a ictericia, pero desaparecen os síntomas da etapa anterior, polo que o enfermo se atopa subxectivamente mellor. Neste momento detectamos hepatomegalia dolorosa, que quere dicir que o fígado crece anormalmente de tamaño e doe, e ademais nos análises atopamos as transaminasas elevadas.
4. Recuperación.
Pero outra forma moi común de contraer esta enfermidade é por abuso de alcohol e de fármacos, o cal se debe á función do fígado de filtro.
Nas próximas entradas falaremos sobre os tipos de hepatites e as súas diferencias, así como o seu diagnóstico e tratamento, entre outras cousas, que como sempre terán como obxectivo informar de maneira que se entenda facilmente, e resolver dúbidas comúns.
Moitas gracias por ler, e espero que isto sirva de axuda a alguén, ata a próxima!!
FONTES:
apuntes enfermería clínica 2022
https://es.statista.com/estadisticas/604808/numero-de-muertes-por-hepatitis-virica-en-espana/



Ningún comentario:
Publicar un comentario
Nota: só un membro deste blog pode publicar comentarios.